domingo, 7 de septiembre de 2014

SETEMBRO: CENTRO PILOTO NA IMPLEMENTACIÓN DO PROGRAMA "EDUCACIÓN RESPONSABLE"

Este novo curso configúrase como un ano no que o ensino por proxectos para a consolidación das competencias clave será máis e mellor asumido pola comunidade educativa. Parece que entramos nel con máis forza, nacida da experiencia dos pasados cursos.

Precisamente pola traxectoria do centro nos proxectos ComBas e Proxecta, fomos seleccionados como centro piloto na provincia de Lugo para desenvolver os contidos e acadar os obxectivos do Programa Educación Responsable, creado pola Fundación Botín.

Educación Responsable é un programa para contribuír ao desenvolvemento emocional, social e da creatividade no centro. Procura o crecemento físico, emocional, intelectual e social dos nenos, promovendo a mellora da convivencia nos centros escolares e fomentando a cratividade a partir do traballo con docentes, alumnos e familias.

Ao longo de tres anos a Universidade de Cantabria realizou unha avaliación externa da aplicación do programa mediante unha avaliación psicopedagóxica e comprobouse que houbo mellora das habilidades emocionais nos nenos, do clima da aula e dos resultados académicos.


Este programa inclúe a formación do profesorado para a súa implementación.

Non nos esqueceremos dos nosos compromisos co contorno, máis desenvolvidos co Plan Proxecta, que perseguirá a “ELABORACIÓN DUNHA GUÍA TURÍSTICA MULTISENSORIAL DE BECERREÁ” liña plurianual para un traballo de recoñecemento, valoración e difusión do contorno próximo. A elaboración da guía está programada para o terceiro ciclo, pero contará con achegas significativas dos outros profesores / cursos implicados, e haberá tarefas complexas que se desenvolvan con carácter de centro.

Igualmente, continuaremos co noso compromiso coa mellora das competencias clave, polo que estamos decididos a solicitar un Contrato-Programa, coa Consellería de Educación, para incorporar todas aquelas medidas que incidan na mellora da competencia lingüística, do hábito lector e do razoamento lóxico-matemático. Partimos das avaliacións do centro e da avaliación de diagnóstico para detectar que hai un problema na capacidade de comprensión do alumnado. Por iso, consideramos que podemos solicitar este programa que nos dotará de formación e recursos económicos para a programación dunha liña de traballo complementaria á da Biblioteca Escolar e ás de aula. O colexio poderá contar con recursos económicos extraordinarios -gastos de funcionamento- para a actuación contratada en función das necesidades detectadas polo centro.

Manteremos a nosa participación no Proxecto eTwinning, co alumnado da Aula de PT, como o pasado curso. Comezamos a programar este coa boa nova de termos recibido novamente o Selo Nacional de Calidade, un premio a nivel nacional que nos motiva para continuar no seu desenvolvemento.

Levaremos á práctica o noso novo Plan de Biblioteca, para o que foi concedida unha axuda económica de desenvolvemento, nun PLAMBE.

E adaptaremos o noso Proxecto de Normalización e Dinamización das Linguas, para axudar á consolidación do galego nos proxectos traballados e á dinamización de todas as linguas do centro nunha formación plural e completa.

Non podemos pechar este artigo sen solicitar a colaboración das familias e institucións da zona no desenvolvemento dos nosos obxectivos, que perseguen o desenvolvemento dunha mocidade comprometida co contorno e capaz de valorar a riqueza e as características inherentes do espazo que habitan.



No hay comentarios:

Publicar un comentario